Este fenómeno é moi particular de Galicia, e é chamativo por que lonxe de ser a persoa viva pusuida por un demo ou calquer outro ser maléfico, ésta serve de luz ós defuntos no seu camiño do purgatorio ó paraiso, e isto faise por caridade, por iso a estas xentes, a estes "corpos abertos", considéraselles santos ou persoas moi piadosas.
Jean Markale, de quen tomamos o relato que vira de seguido, outórgalle un carácter céltico en canto a concepción e relación que se produce entre o mundo dos vivos e os mortos, tendo de fondo todo o que o "Samain" conleva.
Un relato dun corpo aberto:
"Érase unha vez, pero non hai tanto tempo, nunha aldea preto da ría de Santa María. Había unha moza que lle dicía sempre á súa madriña:
-Non lonxe de aquí, madriña, hai alguén que está "ás escuras".
Ó principio a madriña cría que a súa afillada inventaba historias. Pero como a rapaza insistía en dicir a cotío iso, foillo contar ó cura. Este indagou ben por toda a aldea quen podía estar "ás escuras", pero non conseguía atopar á persoa da que falaba a xove.
Un día, porén, cando visitaba a unha das súas parroquianas, notouna nerviosa ó pedirlle que recitase as oracións diante del.
-Que tes miña filla?, preguntoulle.
-Hai xente que morre aquí, respondeu, e todos estan "ás escuras". E preciso darlles luz. A xente cando morre e non ten luz vai "ás escuras".
E, despois de ter pronunciado esas palabras, a muller caeu ó chan, desmaiada. O cura quedou asustado ó vela así. Chamou ó coadxuntor e os dous cantáronlle uns salmos á muller esvaecida. Entón, mentres cantaban, unhas almas abandoaron o corpo da muller e fóronse. Desta maneira os cregos decatáronse de que a muller era un "corpo aberto". Pois un "corpo aberto", éche alguén en quen as almas errantes poden meterse sen que ninguén poida decatarse. Non todo o mundo é un "corpo aberto", dende logo, pero hainos que o son porque son fráxiles. É como se tivesen recibido unha ferida que se pecha de xeito doado. As almas precipítanse nela, e ás veces hai moitas. Pero cando a chaga está pechada, as almas xa non poden saír a non ser que lles canten responsos sobre a persoa.
Os dous sacerdotes deixaron de cantar e dixéronlle á muller:
-Que tes? Estás enferma?
-Non estou enferma! respondeu a muller, pero teño o "corpo aberto".
Canto máis lle preguntaban, máis falaba e máis almas saían. Por último, xa non dixo máis nada, e os cregos comprenderon que tódalas almas que estiveran pechadas nela tiñan xa marchado. A muller durmiu durante varios días, como se estivese esgotada. Cando espertou, abandonou a súa casa e foise á montaña, e ninguén sabía onde atopaba refuxio.
Un día alguén deu con ela por casualidade. Apañaba froitos salvaxes e comíaos. Estaba fraca e esvaída, e mesmo parecía amedrentada.
-Estiveches doente?, preguntáronlle
-Si, respondeu. Estaba moi mal. Pero non me curaron, por que aínda teño o "corpo aberto". Por iso, tódalas almas que están "ás escuras" veñen meterse en min, e fanme falar e cantar, o que me resulta moi penoso!
-Pero, por que se veñen meter en ti esas almas?
-Porque están "ás escuras". Están privadas de luz e maniféstanse en min para que non as esquezan. Precisan luz e só a poden acadar se se reza por elas ou se poden facer ben ós que están vivos. É polo que me din que cante e que diga o que se debe facer para curar ós que sofren. Pero ninguén me quere escoitar, e non podo curar mentres están en min estas almas, "ás escuras". Conduciron á muller á aldea. Instalouse de novo na súa casa e a xente veu onda ela para que lles puidese explicar como podían curarse. Así tratou a moitas persoas que estaban enfermas. E cada vez que era curado alguén, saía dela unha alma. Dende logo, hainos que din que é unha "bruxa". Pero seiche ben eu que non é unha feiticeira: é un "corpo aberto" en quen as almas que están "ás escuras" se meten para obte-la luz"
Relato recollido en Ortigueira
No hay comentarios:
Publicar un comentario