Páxinas vistas en total

Datos personais

Mi foto
Ás veces levar a cabo unha idea ou un soño axuda a dar máis sentido ó tempo que temos que pasar neste planeta. Aturuxo xurde da xuntanza dunha paixón profundamente enraizada chamada Galicia e dun patente valeiro na cidade de Madrid. Agás algún espazo moi concreto e ó tempo pouco desenvolvido en canto a literatura, Aturuxo amósase como, na actualidade, o único comercio adicado en exclusiva á artesania (de distíntos ámbitos), música tradicional de onte e de hoxe, e libraría en galego. Temos unha clara vocación divulgativa tendo a cultura galega como bandeira, neste sentido tamén queremos ter un recunchiño para eses autores galegos residentes en Madrid, na nosa tenda terán a posibilidade de ofertar os seus traballos e dalos a coñecer. Este blog pretende ser un escaparate cultural galego en Madrid, onde a modo de faladoiro cada que diga e fale sobre calquer tema vencellado a Galicia. De Saraibas copïamos o noso lema "Un Pobo, unha Terra e unha Fala"

Dámosvos a benvida ó noso blog / Os damos la bienvenida a nuestro blog

Agardamos a vosa participación e suxerencias
Esperamos vuestra participación y sugerencias

viernes, 23 de marzo de 2012

Os Corpos Abertos

Este fenómeno é moi particular de Galicia, e é chamativo por que lonxe de ser a persoa viva pusuida por un demo ou calquer outro ser maléfico, ésta serve de luz ós defuntos no seu camiño do purgatorio ó paraiso, e isto faise por caridade, por iso a estas xentes, a estes "corpos abertos", considéraselles santos ou persoas moi piadosas.
 Jean Markale, de quen tomamos o relato  que vira de seguido, outórgalle un carácter céltico en canto a concepción e relación que se produce entre o mundo dos vivos e os mortos, tendo de fondo todo o que o "Samain" conleva.

Un relato dun corpo aberto:

"Érase unha vez, pero non hai tanto tempo, nunha aldea preto da ría de Santa María. Había unha moza que lle dicía sempre á súa madriña:
-Non lonxe de aquí, madriña, hai alguén que está "ás escuras".
Ó principio a madriña cría que a súa afillada inventaba historias. Pero como a rapaza insistía en dicir a cotío iso, foillo contar ó cura. Este indagou ben por toda a aldea quen podía estar "ás escuras", pero non conseguía atopar á persoa da que falaba a xove.
Un día, porén, cando visitaba a unha das súas parroquianas, notouna nerviosa ó pedirlle que recitase as oracións diante del.
-Que tes miña filla?, preguntoulle.
-Hai xente que morre aquí, respondeu, e todos estan "ás escuras". E preciso darlles luz. A xente cando morre e non ten luz vai "ás escuras".
E, despois de ter pronunciado esas palabras, a muller caeu ó chan, desmaiada. O cura quedou asustado ó vela así. Chamou ó coadxuntor e os dous cantáronlle uns salmos á muller esvaecida. Entón, mentres cantaban, unhas almas abandoaron o corpo da muller e fóronse. Desta maneira os cregos decatáronse de que a muller era un "corpo aberto". Pois un "corpo aberto", éche alguén en quen as almas errantes poden meterse sen que ninguén poida decatarse. Non todo o mundo é un "corpo aberto", dende logo, pero hainos que o son porque son fráxiles. É como se tivesen recibido unha ferida que se pecha de xeito doado. As almas precipítanse nela, e ás veces hai moitas. Pero cando a chaga está pechada, as almas xa non poden saír a non ser que lles canten responsos sobre a persoa.
Os dous sacerdotes deixaron de cantar e dixéronlle á muller:
-Que tes? Estás enferma?
-Non estou enferma! respondeu a muller, pero teño o "corpo aberto".
Canto máis lle preguntaban, máis falaba e máis almas saían. Por último, xa non dixo máis nada, e os cregos comprenderon que tódalas almas que estiveran pechadas nela tiñan xa marchado. A muller durmiu durante varios días, como se estivese esgotada. Cando espertou, abandonou a súa casa e foise á montaña, e ninguén sabía onde atopaba refuxio.
Un  día alguén deu con ela por casualidade. Apañaba froitos salvaxes e comíaos. Estaba fraca e esvaída, e mesmo parecía amedrentada.
-Estiveches doente?, preguntáronlle
-Si, respondeu. Estaba moi mal. Pero non me curaron, por que aínda teño o "corpo aberto". Por iso, tódalas almas que están "ás escuras" veñen meterse en min, e fanme falar e cantar, o que me resulta moi penoso!
-Pero, por que se veñen meter en ti esas almas?
-Porque están "ás escuras". Están privadas de luz e maniféstanse en min para que non as esquezan. Precisan luz e só a poden acadar se se reza por elas ou se poden facer ben ós que están vivos. É polo que me din que cante e que diga o que se debe facer para curar ós que sofren. Pero ninguén me quere escoitar, e non podo curar mentres están en min estas almas, "ás escuras". Conduciron á muller á aldea. Instalouse de novo na súa casa e a xente veu onda ela para que lles puidese explicar como podían curarse. Así tratou a moitas persoas que estaban enfermas. E cada vez que era curado alguén, saía dela unha alma. Dende logo, hainos que din que é unha "bruxa". Pero seiche ben eu que non é unha feiticeira: é un "corpo aberto" en quen as almas que están "ás escuras" se meten para obte-la luz"

Relato recollido en Ortigueira

viernes, 16 de marzo de 2012

O Vákner: A mitoloxía galega esquecida

O Vákner é unha das máis feroces bestas do imaxinario galego, e que hoxe está case esquecida. A única referencia na escrita atopámola nunha crónica do bispo armenio Mártir, que chegou a Compostela a fins do século XV e dende alí continuou unha peregrinaxe moi dificultosa, con moitos avatares, entre eles os encontros con bestas salvaxes perigosas, sendo  co Vákner o máis salientable.
 Definiu a este animal como unha besta silvestre de gran tamaño e ferocidade. Na súa crónica conta como os habitantes do pais que el chama Holani e cuxa lingua o bispo non comprendía, marabillábanse de que o armenio puidese librarse do vákner, cando outras xentes xuntadas en gran número non tiñan pasado diante da besta. Pese o fantasioso  e increible do relato, os expertos advirten coincidencias entre o vákner e o busgoso ou o rabeno, figuras dos bosques ou sátiros.
Sobre este mito pódese profundizar  no traballo de María Aurora Lestón Mayo, na que parte dunha hipótese que tenta buscar os puntos en común entre o vákner, o monstro que os viaxeiros que percorrían o noroeste galego temían atopar na espesura, e o dragón, criatura que poboa o imaxinario lendario de tódolos pobos.
Neste traballo aproveita para recoller e analizar algunha das lendas galegas nas que aparece a figura do dragón, así como para observar as relacións entre a cultura galega e a de outros pobos atlánticos, no tanto que procura atraer ó vákner fóra do seu agocho.

   "O vákner e o dragón"  Maria Aurora Lestón Mayo. Ed. Toxosoutos.

sábado, 3 de marzo de 2012

Santo Andrés de Teixido.

Cabo do mundo, no que remata o camiño e a Fe de Santo Andres. En Teixido está unha das entradas ó outro mundo, o porto no que as almas se embarcan para a súa viaxe ó alén "a San Andrés de Teixido vai de morto quen non vai de vivo". Por iso é lugar de peregrinaxe ó que todos os galegos, portugueses do norte, asturianos... acoden. Os animais que se ven polo camiño (largartos, corvos, sapos, insectos), as caveiras, as pedras (por iso hai que levar unha pedra e deixala no milladoiro) e mesmas plantas poden ser almas que fan o camiño. Tamén ocorre que as xentes leven canda eles as cinzas dun familiar, ou que lle garden á alma dun parente sitio no coche, no autobús, na mesa da fonda, etc, supoñendo que vai con eles o seu espírito (para iso van avisalo ó cimiterio, lévanlle ou mércanlle comida que logo regalan a un necesitado e, de volta a casa, vólveno "levar" ó cimiterio). En realidade, a crenza orixinal non pode ser máis que a de que por Teixido pasamos todos de mortos (e non só os que non foron de vivos), pois é o punto de entrada para o outro mundo.
Hai que beber na súa fonte que ten tres canos ( e é mellor beber dos tres). É unha fonte tripla, coma as Burgas ourensás, coma as fontes das tres mouras. Nela bótase pan que se lle ofrece ó santo; se aboía, cúmprese un desexo e o romeiro pode volver outra vez; senon aboía,  o desexo non se cumpre, ou o romeiro non volve, pois vai morrer logo.
Unha vella e clásica relación entre morte e vida, morte e fecundidade, fai que os deuses da morte sexan tamén deuses do amor e da fertilidade. Así nos cabos do mundo dase o culto da morte e da procreación. En Teixido, (como en Fisterra) hai a herva de namorar e os xuncos de ben parir, ademáis a viaxe faise tamén para ter familia, facendo cama nos arredores da capela. 
Conta unha lenda que nunha ocasión, uns estudantes que ían a Senandrés atoparon unha caveira e fóronlle dando patadas, sen respecto ningún ata o santuario, cando chegaron alí, a caveira falou e agradeceulles que a levaran a rolos pois sen a súa axuda nunca tería chegado.

jueves, 1 de marzo de 2012

A máis exótica das galegas

Poucos o saben, pero existen dúas galegas que viven a cotío nun paraiso de sol, aluomiñadas por augas turquesas e case ceibes do devir do mundo. Aló,  no Océano Índico, afastadas de todo, atópase o arquipélago de "Agalega" (así é o seu nome oficial e así se acha nos mapas), dúas cativas illas, que administrativamente pertencen a Mauricio. O seu nome é unha lembranza viva, unha homenaxe perpetua ós galegos que, nas épocas dos descubrimentos xeográficos, sucaron os mares servindo a reis ávidos de novas terras ou novas rutas comerciais.
Aínda que existen diversas teorías sobre o nome destas illas, a máis aceptada é  que foi Xoan de Novoa, un ourensán de Maceda, ó servizo do rei Xoan II de Portugal quen descubriu estas illas nunha viaxe cara ás Indias, xa coñecido entre os seus co alcume de "O galego", sen dúbida nomeou estas illas en lembranza da súa terra, que tivese que deixar por seren perseguido ó amosar a súa disconformidade coa política que no Reino de Galicia a raíña Isabel de Castela estaba a facer.
Arquipélago de Agalega.